UN PODE SER FELIZ EN RIOMAIOR (MIGUEL ANXO MOURIÑO)

20 dic. 2011

CARTA DE BULI AOS REIS MAGOS


   Queridos Reis Magos:
   Sei que xa vou co tempo xusto, pero é que o traballo  tenme desbordado. Este ano foi un pouco complicado, cheo de ansiedade e de fatiga.
   Teño que confesar que aínda que quixen ser bo, algunhas veces non o conseguín porque perdín a paciencia con algúns dos alumnos, porque non confiei en outros, porque tentei controlalo todo e facelo todo. Creo que merezo un cinco con cinco de nota, en fin, un suficiente alto.
   Pero hai algo máis, queridos Reis, este ano non vou pedir nada para min. Aínda que, se queredes ter un detalle, un libro sería un regalo perfecto. Adoro os libros!
   O que si vou facer e unhas peticións para os nenos e nenas do meu cole:
  Amor polos libros, para que lean máis e os coiden moito.
   Un pouco de orde, para que non deixen todo revolto na biblioteca.
   Unha tonelada de silencio, para que non se molesten entre eles na hora de ler.
   Unha manchea de respecto, para que aprecien o traballo dos compañeiros.
   Dous sacos de colaboración, par que se axuden uns aos outros.
   Nove quilos de dozura, para que utilicen palabras bonitas e que deixen os berros que tanto    molestan.
   Moitísima atención, para que escoiten  a música que é tan boa para a mente e o corazón.
   E… por suposto, que lle deixedes  algún libro.
   Sen máis,  despídome dándovos as grazas e desexando que non teñades problema co transporte dos agasallos.
   Boa viaxe!            
                             BULI
    PD.- Eu voulles recomendar algúns libros aos nenos.
   Ah! Para Buliño tamén vos pido libros que el sabe compartilos con todos os nenos e nenas.

2 dic. 2011

CULTURGAL, NON O PODES PERDER!


Os días 2,3 e 4 de decembro, no Recinto Feiral de Pontevedra, a Feira das Industrias Culturais de Galicia achega ao público as novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas e os avances das novas tecnoloxías. Tres días de actividade sen descanso para público de todas as idades e gustos.
Culturgal é o fogar da cultura galega. Unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas y ventás abertas sempre á sociedade.
Se queres saber máis e consultar o programa, visita  www.culturgal.com