UN PODE SER FELIZ EN RIOMAIOR (MIGUEL ANXO MOURIÑO)

16 dic. 2013

MENÚ DE NADAL

O Nadal é unha boa oportunidade para conseguir algún libro novo. Non esquezas pedirlle algún aos Reis Magos. Se non cho traen, non te preocupes, vén á miña casa, aquí hai todos os que che recomendo. Ah! Non te esquezas de ler e ser feliz. BOAS FESTAS!!

9 dic. 2013

Día Internacional dos Dereitos Humanos

Mañá, martes, 10 de decembro de 2013, celébrase o DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS e NELSON MANDELA foi un dos seus principais defensores.
O pasado día 6 deste mes de decembro, morría Madiba, como se coñecía cariñosamente. Loitou toda a súa vida contra as diferenzas de clases e razas, entre negros e brancos, contra as inxustizas e converténdose nun símbolo mundial da liberdade e da tolerancia. “Atesorei o ideal dunha sociedade libre e democrática, na que as persoas poidan vivir xuntas, en harmonía e con igualdade de oportunidades. É un ideal polo que estou disposto a morrer” Nelson Mandela, 1961. Isto foi o que dixo ante o tribunal que o xulgaba. E foi ao cárcere 27 anos. Afortunadamente non tivo que morrer por estas ideas.

25 nov. 2013

25 de NOVEMBRO “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller”

Que significa MALTRATAR? Maltratar é tratar mal.
Cando pelexamos e nos pegamos, facémonos dano. Pero ás veces tamén facemos dano cando nos burlamos doutra persoa, cando utilizamos o insulto, cando non deixamos que outro neno ou nena xogue no noso equipo, e cando permitimos que unha compañeira ou un compañeiro estea só.
Hoxe, 25 de novembro, celébrase o “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller”. A conmemoración deste día ten por finalidade sensibilizar á sociedade da gravidade deste problema ademais de facernos reflexionar sobre o mesmo. A violencia de xénero non desaparecerá mentres non se acade a igualdade real e efectiva entre ambos sexos.

7 nov. 2013

Volve o club de lectura de adultos “BULINDO”


Con esta actividade pretendemos conseguir, ademais do pracer de ler, a riqueza que supón compartir esa experiencia, poder coñecer distintos puntos de vista  e sentirte vencellado a outras persoas grazas aos libros.

   O libro deste mes “FAHRENHEIT 451”  esconde unha dura crítica á sociedade norteamericana de 1953. Unha civilización onde a liberdade non está permitida, onde a lectura está absolutamente prohibida.


Se alguén máis quere unirse ao grupo, aínda está a tempo.

25 oct. 2013

A BIBLIOTECA REABRE AS SÚAS PORTAS

    Hoxe, por fin, soubemos o que se estaba a cocer na “Cociña de Buli”.
   Todos agardabamos con impaciencia a chegada deste día e, abofé, que non decepcionou a ninguén. Un menú moi apetitoso estaba a agardar por nós.

   As culleres “Tere” e  “Bea” déronnos a benvida e ofrecéronse a colaborar
 co noso chef, Buli.






  As cociñeiras “Fani” e “Bea” elaboraron, cunha gran dose de maxia e simpatía, fermosas historias nas que non faltou ningún ingrediente.





               
                             
  Finalmente, no comedor do afamado restaurante, puidemos saborear os fantásticos pratos da man dos comensais:  “Mariño”, “Carmen”, Ainhoa”, “Ana” e “Celia”.








    Todos marchamos cun saboroso regusto e moi satisfeitos polo exquisito banquete que compartimos.

     Ben seguro que visitaremos, a miúdo, o noso excelente restaurante .


                       
     Noraboa e grazas por todo, Buli e colaboradores.







15 oct. 2013

Día Mundial da Alimentación

16 de outubro:
Día Mundial da Alimentación






O Día Mundial da Alimentación celébrase dende o ano 1979 e o seu propósito é  chamar a atención de todos os países  para que apliquen políticas axeitadas que reduzan a fame e a desnutrición no mundo.
Un de cada catro nenos menores de cinco anos sofre retraso no crecemento como consecuencia dunha mala alimentación e máis de 2000 millóns de persoas non teñen as vitaminas nin os minerais necesarios para ter unha boa saúde.

Tampouco podemos esquecer que máis de 1400 millóns de persoas teñen sobrepeso, un terzo das mesmas son consideradas obesas e habitualmente presentan problemas de saúde.

      Que solución plantexarías a esta grave situación?

  A  FAO propón un cambio de comportamento e apunta á necesidade de reducir o desperdicio alimentario, recordemos que  1.300 millóns de toneladas de alimentos tíranse ao lixo, alimentos que axudarían a reducir a fame e a malnutrición





6 oct. 2013

BENVIDA AO NOVO CURSO 2013-2014

Este ano dedicado ao saboroso mundo dos alimentos e da cociña e aquí estou eu, transformado en cociñeiro, para prepararvos ricas sorpresas.



 O noso corpo precisa alimento para vivir e os libros son un excelente alimento para a alma. Mirade a relación que establece a escritora Fina Casalderrey entre os libros e a cociña:




“Gozar dun prato e saborear un libro teñen moitas semellanzas: a textura, a cor, o autor, o lugar en que se degusta, a compaña, o momento...”


Pois ben, collede o que máis vos guste, ulídeo, apreciade a súa textura, a súa cor e saboreade lentamente o que vos quere contar.Bo proveito!!


24 may. 2013

CLUB de LECTURA "LETRAFERIDOS"

Botou a andar o club de lectura, de 5º nivel, “Letraferidos”. O nome foi unha suxestión do profesor Miguel Anxo Mouriño, que sempre acode ás nosas chamadas con prontitude. Nesta ocasión pedímoslle que nos acompañase, o 24 de abril, para participar no noso club. Ese día iamos comentar “O reino ideal” e “Os arriscados” . Achegounos moita información sobre os seus libros, seguímolo con moito interese e non faltaron as preguntas máis curiosas e sorprendentes. Un luxo de experiencia! Moitas grazas!!

CLUB DE LECTURA “BULINDO” DE NAIS, PAIS e MESTRES

Continúa o club de adultos con bastante éxito. No mes de abril comentamos os libros: “Anagnórise” de Mª Victoria Moreno e “Adiós María” de Xohana Torres. Cada un dos membros do club aportou a súa visión e coincidimos en que, a pesares de ser escritos hai tempo, a súa temática está de plena actualidade. Tamén observamos a riqueza de expresións en galego e lembramos algunhas que case tiñamos esquecidas. Para o mes de maio escollemos “La impaciencia del corazón” de Stefan Zweig.

COMPARTINDO LECTURAS

Durante os meses de abril e maio o alumnado do terceiro ciclo comparte lecturas cos cativos de 1º e 2º. Esta é unha actividade iniciada no curso 2011-2012 con excelentes resultados e que semella ir por bo camiño, as súas cariñas de interese así o demostran.

1 may. 2013

FEIRA-TROCO DO LIBRO USADO

O alumnado, que así o quixo, trouxo algúns dos seus libros para trocar por outros . Houbo tres mesas, unha para cada ciclo, con libros para poder escoller e cambiar polas súas tarxeta-libro . Cada alumno/a tiña tantas tarxetas como libros entregara para a feira.

ABRIL, MES DOS LIBROS

No mes de abril fixemos varias actividades destinadas a fomentar os libros e a lectura. Destacamos entre elas: A gran festa do libro (23 de abril) cunha cálida homenaxe a Eva Rodríguez Ferreiros, mestra xubilada do noso colexio e autora, polo de agora, de dous libros compartidos. Logo dunha entrevista, que contestou amablemente, non faltaron a presentación con datos da súa vida e obra, poemas, contos , relatos en verso ou acrósticos creados especialmente para ela. Resultou un acto fermoso e emotivo.

10 mar. 2013

PARTICIPAMOS E VISITAMOS O SALÓN DO LIBRO

Participamos no XIV Salón do Libro Infantil  e Xuvenil de Pontevedra co noso libro "Maquiviaxando" creado por todo o alumnado do centro coa axuda das súas titoras/es.




Unha actividade na que xa hai bastante tempo que colaboramos e da que nos sentimos
moi satisfeitos.

7 mar. 2013

8 de marzo "Día da muller"


O Día da muller traballadora conmemora a loita da muller, a través do tempo, para poder gozar dos mesmos dereitos que os homes e ter o mesmo recoñecemento na sociedade. Aínda que isto mellorou, seguen existindo situacións de discriminación e mesmo de maltrato. Nas mans das xeracións futuras está conseguir unha convivencia en verdadeira igualdade, a través do respecto e a tolerancia.

Deixámosvos dous contos para reflexionar.
ARTUR E CLEMENTINA



¿HAY ALGO MÁS ABURRIDO QUE SER UNA PRINCESA ROSA?

25 feb. 2013

Homenaxe a Rosalía


O venres, 22 de febreiro, celebramos o “Día de Rosalía”.
Na “Hora de Ler” xuntámonos na Sala de Usos Múltiples para lembrarnos  da nosa poetisa máis senlleira no 150 aniversario da publicación do seu libro “Cantares Gallegos”.
Foi unha fermosa homenaxe.





Se queres saber máis cousas sobre Rosalía preme na rosa.


























18 feb. 2013

VISITOUNOS ÁNGELO TORRES


Ángelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, é o tío de Sabela, unha alumna de 2º. Grazas  a ela, que o convidou para vir ao noso colexio, puidemos gozar das súas interesantes  historias africanas.
 
Contounos que actualmente vive en Lisboa pero que viaxa moito. Sabe varios idiomas e as historias aprendeunas da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
 
 
 
Coas tres historias que nos contou mantívonos expectantes tanto pola súa beleza como pola mensaxe que transmitían.
 
 
 


  Quedamos encantados e agardamos que repita a visita.
 
 


 
       
 
“MUITO OBRIGADOS”

24 ene. 2013

FINA CASALDERREY NA REAL ACADEMIA GALEGA

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA
A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria. Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada, escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas). Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo! Artigo extraído de : http://redelectura.blogspot.com.es/2013/01/unha-escritora-de-lix-na-academia.html

20 ene. 2013

CLUB de LECTURA "BULINDO"

Segue o éxito do noso club de lectura de adultos e toca ler, neste mes, un clásico da nosa narrativa “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas. Libro fundamental na literatura galega que forma parte da memoria emocional dunha ampla xeración. Traducido a diversas linguas e con centos de miles de exemplares vendidos é unha marabillosa testemuña literaria dunha Galicia realmente existente a mediados do século XX. Unha auténtica xoia que todos os galegos debemos ter presente nas nosas bibliotecas e no noso corazón.

Novo agasallo

Catro novos libros forman parte da vitrina que Miguel Anxo Mouriño ten na nosa biblioteca e que, pouco a pouco, se vai enchendo coa súa obra. Neste caso non son propiamente libros seus senón colaboracións. Miguel é director da sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos e encárgase do asesoramento lingüístico.
Por se fose do voso interese, os libros cedidos desinteresadamente para a biblioteca son: “Crónica rimada de Baiona e o seu mar” de Xosé María Álvarez Blázquez.(Introdución e asesoramento lingüístico de Miguel A. Mouriño) “Retallos de Gondomar de Miñor” (Colabora con dous artigos: Paisaxe xeográfica e humana e Pazo de Barreiro) “Monografía REM- Revista de Estudos Miñoranos- Victoriano Taibo”.(Colaborador) “Da agra aberta. Contos e Lendas” de Victoriano Taibo (Prólogo e asesoramento lingüístico)