UN PODE SER FELIZ EN RIOMAIOR (MIGUEL ANXO MOURIÑO)

24 nov 2014

"NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS"

A investigación científica é básica para o progreso da sociedade e a lingua galega é útil para facer ciencia



 Que o galego serve para transmitir os avances no coñecemento nas diferentes áreas quedou demostrado coa excelente charla ofrecida por dúas alumnas do CS de Anatomía Patolóxica e Citoloxía do IES Montecelo. Érika Pérez Rivas e Rebeca Rosales Iglesias, falaron sobre “a célula, o estudo celular na Anatomía Patolóxica e as células nai como alternativa de futuro” aos alumnos do terceiro ciclo do noso centro. Coa súa interesante e dinámica  explicación conseguiron manter a atención do noso alumnado e mesmo transformalos en científicos por un día.



Tampouco quedaron atrás  os nosos alumnos e alumnas de 4º nivel presentándolles aos compañeiros, de 2º e 3º ciclos, as súas investigacións sobre Newton, Arquímedes, as súas leis, descubrimentos, e facendo uns excelentes experimentos para demostralo todo.


Foron unhas auténticas conferencias de científicas e científicos!

               

25 oct 2014

Día da biblioteca en Riomaior

  O 24 de outubro celebramos o "Día da biblioteca" coa representación dos libros: "Vaia invento!" e "A marabillosa medicina de George".
  A biblioteca presentaba un novo aspecto decorada acorde co novo proxecto do centro "Riomaior, experiencia única". Buli, investigando no "Laboratorio da palabra"; a CDU formando parte da Galaxia de Riomaior e os actores, coma sempre,  causando sensación!

  Dende hoxe a nosa biblioteca reabre as súas portas. Estades convidados a pasalo de luxo.


2 oct 2014

NOVO AGASALLO DO PROFESOR MIGUEL ANXO MOURIÑO

Unha vez máis o noso benquerido profesor, Miguel Anxo Mouriño, enviounos un agasallo. Trátase do libro de poesía "Poemas da Mariña" que dedicou á súa neta, Mariña.
Dende hoxe loce na vitrina co resto da súa obra. Moitas grazas por non esquecernos.

22 sept 2014

BENVIDA DE BULI AO CURSO 2014-2015

Ola, nenos e nenas!!! Xa estou aquí. Un curso novo. Este ano imos traballar arredor das ciencias, vai ser “matemático” ! A nosa galaxia “Riomaior” ten como estrela principal a “FANTASÍA”, que é a nosa biblioteca. Arredor dela van xirar todo tipo de astros que vós ides crear. Poñede en marcha as vosas neuronas e enchede de seres e corpos celestes a galaxia. Biquiños e apertas para todos e todas e... Benvidos e benvidas!!!

28 abr 2014

II FEIRA-TROCO DO LIBRO USADO

“Feira-troco do libro usado”, día 25 de abril. Este ano celebramos a segunda feira-troco e houbo unha boa participación, por parte do alumnado, cun total de 80 libros para cambiar por outros dos seus compañeiros. Un xeito de compartir e ter máis libros para ler sen gastar diñeiro.

APADRIÑANDO LECTORES

“Apadriñamento lector”, dende o 24 de abril ata o 29 de maio. Todos os xoves, na “Hora de ler”, cada alumno/a co seu afillado/a comparten gustos lectores mellorando a relación entre maiores e pequenos. Da gusto velos ler xuntos!

ACTIVIDADES DO MES DO LIBRO

Durante o mes de abril sucédense diferentes actividades, propostas polo equipo da biblioteca, encamiñadas a promocionar o libro e a lectura Entre elas hai que salientar: “A festa do Libro”, día 23,na que participou todo o alumnado facendo lecturas colectivas de diversos libros infantís.

ADIVIÑA

1 abr 2014

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

   Mañá, 2 de abril, celébrase o Día internacional do libro infantil. Nesta data naceu o escritor danés, Hans Christian Andersen (1805-1875), autor de algún dos máis inesquecibles relatos para nenos, como “O parruliño feo”, “O soldadiño de chumbo” ou “O traxe novo do emperador”.  Con esta celebración trátase de poñer de manifesto a importancia de estimular a lectura entre os máis pequenos para que aprendan a gozar do coñecemento e entretemento que proporcionan os libros.



Tamén é, o 2 de abril, o Día da concienciación sobre o autismo. Queremos recomendar un conto infantil moi especial “Hada Esther” co que se pretende facer visible esta realidade.
Se premedes sobre a imaxe teredes información sobre o conto e poderedes escoitar a fermosa canción “Hada Esther” na voz da profe Montse.

31 mar 2014

MARZO, MES DA PRENSA

Celebramos o mes da prensa con múltiples actividades encamiñadas a descubrir a importancia dos xornais na nosa formación. Dende coñecer o que pasa no mundo ata crear as nosas propias noticias pasando por análise da publicidade ou crear anuncios disparatados, entre outras moitas. Sen dúbida unha oportunidade para valorar a información que nos chega e aprender a ser máis críticos.
 Se queredes consultar a prensa diaria en formato dixital premede sobre a imaxe.


20 mar 2014

VISITA AO SALÓN DO LIBRO

O venres, 14 de marzo, inaugurouse o XV Salón do Libro de Pontevedra e, como ben sabedes, todo o alumnado de Riomaior estaba convidado a participar dos obradoiros e a visitar a exposición. O luns, 17, fomos os primeiriños en gozar desta marabillosa actividade e ben orgullosos que nos sentimos ao ver o noso chineiro formando parte da mostra de traballos escolares. Un ano máis estamos felices de colaborar nesta excelente actividade.

26 feb 2014

O CHINEIRO DE BULI



Xa partiu o chineiro de Buli cara a Pontevedra para lucirse no Salón do Libro. Ía ateigado de fermosos libros que entre todos creastes e... como presumía Buli ante tanta beleza e  creatividade.

 PARABÉNS !! Este si que é un equipo de primeira división, ou non?







24 feb 2014

O MORRAZO ESPERTA A GALICIA

Proxecto ideado polo CEIP Sequelo (Marín) que contou coa colaboración de 31 colexios do Morrazo entre os que estamos nós. Aí tedes o resultado.



Bonito agasallo para a nosa poetisa "Rosalía de Castro" no seu 177 aniversario.

23 feb 2014

24 de febreiro, Día de Rosalía.

O 24 de febrero de 1837 nacía en Santiago de Compostela a grande das nosas letras, Rosalía de Castro. Anímovos a festexar o seu aniversario acompañando a Uxía Senlle nesta fermosa canción “Rosalía pequeniña”.

20 feb 2014

Día Internacional da Lingua Materna 2014

O Día Internacional da Lingua Materna, instituído en 1999 pola UNESCO,  é unha celebración que busca lembrarnos o valor das linguas, independentemente do número de falantes que teñan, para asegurar a diversidade cultural, contribuír ao coñecemento humano e potenciar a participación de todas as persoas na construción de sociedades democráticas.
Cada 21 de febreiro, a UNESCO chama a nosa atención sobre a importancia de usarmos e transmitir as linguas autóctonas de cada lugar.

A mensaxe do Día Internacional da Lingua Materna 2014 é que todas as linguas humanas, e por suposto o galego, serven para investigar e divulgar a ciencia.


19 feb 2014

CENTENARIO DO NACEMENTO DE XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Hoxe, 19 de febreiro, celébrase o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

Para ires abrindo boca, déixovos un dos seus poemas máis coñecidos, «Penélope», no que reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, mantendo, sen embargo, a esperanza para a nosa terra.




Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,            

i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!


DÍAZ CASTRO, José María.



13 feb 2014

CRODODILO NAMORADO


Pasou o día da PAZ e chega o día do AMOR, en ámbolos dous casos elaboramos saborosas receitas para acadar unha vida chea de felicidade. Pois que así sexa, gozade destes dous elementos imprescindibles na vida dos seres humanos.

Para que vexades as marabillas que fan os cativos do CPI de Mondariz , con tan só 3 anos, deixovos a historia de amor entre Crocodilo e Xirafa.
Grazas por compartilo con nós.

BICOS, BICOS e MÁIS BICOS